Reúne 84 fotografías do artista salmantino que retratan o mundo rural de Galicia a través das faces das súas mulleres e homes.
A Sala de Exposicións de Afundación en Ourense (Praza Maior, 4) acollerá ata o 8 de novembro «Señoras e señores, o solpor dun legado», unha exposición do artista Ricardo Alcalde desenvolvida en colaboración co Museo do Pobo Galego, na que se mostrarán unha serie de fotografías que retratan o mundo rural galego a través dos rostros dos seus homes e mulleres. A mostra poderá visitarse de luns a venres de 17.30 a 20.30 h e os sábados, domingos e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.
O proxecto expositivo de «Señoras e señores, o solpor dun legado» articúlase ao longo de 84 fotografías, reveladas manualmente polo artista, que reflicten a antropoloxía do pobo galego e a súa cultura a través do contexto vital de personaxes do rural ourensán, traballadores da Terra de Caldelas. Cada retrato é unha recreación individual que captura fragmentos da memoria dun país e dun tempo nas miradas e as faces destas persoas.
Todas as fotografías de Alcalde reflicten un gran dominio da técnica, como remarcou Mercedes Rozas, membro do padroado do Museo do Pobo Galego, así coma unha gran capacidade de observación mediante a cal é quen de plasmar a verdadeira realidade do que ve : «A este valor técnico do traballo do autor, súmanse o valor de memoria, o valor antropolóxico que otorga a fotografía documental e o valor da imaxe directa, de mulleres e homes que posan con naturalidade». Unha exposición que, segundo subliñou Francisco Fariñas, vicepresidente do padroado do Museo do Pobo Galego, «o Museo do Pobo Galego valora especialmente porque presenta a dignidade dos seus protagonistas e permite manter viva a súa memoria».