O novo dispositivo ofrecerá unha alternativa á hospitalización de pacientes ante a reagudización ou empeoramento do seu proceso.

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense abrirá, o vindeiro mes de outubro, un hospital de día de pneumoloxía que permitirá dar unha resposta terapeútica rápida, alternativa ao ingreso hospitalario, aos pacientes crónicos deste servizo ante o empeoramento ou agudización do seu proceso.

Para elo, a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense vén de acondicionar unha sala, adxunta á Unidade de Técnicas do Servizo de Pneumoloxía, na terceira planta do Edificio Cristal, que contará con capacidade para 14 pacientes, dotada con 6 camas e 8 sillóns de tratamento, cun equipo de persoal composto por un pneumólogo, enfermeira e unha auxiliar de clínica, ademais de apoio administrativo e celadores.

O principal obxectivo do novo dispositivo asistencial é ofrecer aos seus pacientes crónicos, como os de EPOC (Enfermidade Pulmonar Obstructiva Crónica) Asma ou Fribrose Quística, unha alternativa rápida de tratamento intensivo ante o empeoramento ou agudización dos seus síntomas, como vía para reducir os seus ingresos.

Para elo, o Servizo de Pneumoloxía ten ultimado un completo protocolo de derivación á nova unidade, de cara a facilitar a coordinación tanto cos centros de saúde, como desde o resto de servizos hospitalarios, especialmente Urxencias e HADo (Hospitalización a Domicilio). Así, o único criterio de ingreso no hospital de día é que o pacientes estea xa diagnosticado e que seu empeoramento non comprometa outros aspectos da súa saúde, que farían imprescindible súa hospitalización.

Acceso rápido dos pacientes
Unha vez comece a funcionar o novo dispositivo, o Servizo de Pneumoloxía ten previsto a creación dunha vía de comunicación directa cos seus pacientes, o que permitirá que estes contacten directamente co Hospital de Día, ante calquer alteración na súa estabilidade ou dúbida. Para iso, entregaráselles aos pacientes unha tarxeta de usuario coa información de contacto.

Dacordo coas estimacións de actividade do novo Hospital de Día, o xefe de Servizo de Pneumoloxía do CHUO, José Abal, prevé unha media anual de ingresos que oscilará entre os 600 e 700 pacientes. Todos eles poderán recibir seu tratamento directamente nesta unidade para voltar, no mesmo día, ao seu domicilio.

Isto implicará unha diminución de ingresos entre un 10 e un 15%, mostra da efectividade deste tipo de alternativas asistenciais.