O domingo día 27, ás 18:00 horas, Os Monicreques de Kukas, grupo decano dos titiriteiros galegos, levarán o seu espectáculo «Xan Perillán e a maleta máxica» á Casa da Cultura de Verín.
O acto, patrocinado polo Concello de Verín e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, está integrado na programación verinense de Cultura no Camiño 2015.
«Xan Perillán e a maleta máxica» é unha comedia infantil, para público preferente entre 3-12 anos, estreada en febreiro do 2013. Creación de Marcelino de Santiago “Kukas”, que a escenifica baixo a dirección de Isabel Rey Pousada, o espectáculo mestura o clown e a pantomima coa maxia e a manipulación de monicreques. Xan Perillán é un home con sorte, tocoulle nunha rifa unha viaxe a Pernambuco…Pero, onde queda Pernambuco?, no hemisferio Norte ou no Sur?…cun pouco de maxia e a axuda dos rapaces seguro que o acertará. Para viaxar a Pernambuco, xunta todas as súas cousas e vai meténdoas nunha maleta, que non é unha maleta calquera…é unha maleta máxica, todo o que nela se mete, convértese nun truco de maxia.
No 1979, Marcelino de Santiago (Kukas) e Isabel Rei Pousada fundan en Santiago de Compostela Os Monicreques de Kukas, a compañía de teatro de marionetas máis antiga de Galicia, e unha das máis estábeis do panorama teatral galego. Nestes 35 anos de existencia teñen producido máis de 40 montaxes teatrais, entre espectáculos de teatro con marionetas, ruadas e teatro de actor.