O presidente da Deputación, o alcalde de Ourense ou o reitor da Universidade de Vigo foron algunhas das autoridades presentes  súa inauguración. O congreso enmárcase dentro da semana de Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal que organiza Expourense.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo este mércores no acto de inauguración do “I Congreso internacional da auga” que orgullo, cooperación e futuro “son as tres palabras que resumen un evento como este no que a investigación e a divulgación son protagonistas para poñer en valor un elemento característico da nosa provincia: a auga”. O presidente do goberno provincial destacou o escenario no que se enmarca o congreso, Expourense, “un proxecto consolidado que acolle importantes eventos internacionais, como o que estes días celebraremos, “Termatalia”, pero tamén é importante subliñar a estreita cooperación que a Deputación e o Campus de Ourense vimos mantendo e que se singulariza na especialización do Campus da Auga”, colaboración pola cal agradeceu o traballo que realiza neste sentido o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

Co obxectivo de contribuír desde o eido académico e investigador a dar pulo e soporte ao futuro do sector da auga o I Congreso Internacional da Auga e o I Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida celébrase os días 23 e 24 de setembro, e reúne a 200 congresistas de once países co obxectivo de visibilizar o seu traballo no eido da auga, intercambiar coñecementos e abrir novas vías de colaboración.

O papel dos investigadores da Universidade de Vigo neste evento é moi destacado, achegando 17 comunicacións, un obradoiro e once pósters de temáticas moi diversas.

O congreso celébrase vinculado a Termatalia, a 15ª Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar, e leva por título “Termalismo e Calidade de Vida”.