Carmen Acuña pregunta na Comisión de Sanidade do Parlamento pola situación “caótica” que ocasionou a suspensión de dúas operacións por falta de medios cos pacientes xa en quirófano.
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, lamentou o “silencio cómplice” da Consellería de Sanidade coa “catástrofe” da sanidade pública de Ourense. Presentou unha pregunta na Comisión de Sanidade por unha situación “caótica” que tivo como “guinda” este verán a suspensión de dúas operacións por falta de medios cando os doentes xa estaban no quirófano e que agora se enfronta á ameaza de folga dos profesionais sanitarios da provincia.
Acuña criticou que a propia xerente da Área Sanitaria “saíra xustificándose e dicindo que o 5% das cirurxías programadas suspendíanse no quirófano”, así como ao responsable do Sergas, Antonio Fernández – Campa, que aludiu á “responsabilidade dos doentes por ter almorzado ou tomado sintrón”.
En resposta, a socialista lembrou que «a única responsabilidade de que nun caso non estivera dispoñible o anestesista e no outro tiveran que suspender a operación por falla de material lle corresponde ao goberno galego e da súa política de recortes e privatización da sanidade pública”. E advertiu que esta situación pode repetirse e mesmo empeorar en momentos de mais demanda sanitaria, con epidemias ou maior carga de traballo.
Para Acuña “a curmá do presidente (referíndose a Eloína Núñez) campa con absoluta impunidade na súa estratexia de destruír a sanidade pública”. A socialista lembrou entre a bagaxe da xerente da Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco, “o peche de Toén, a supresión de camas sociosanitarias en Piñor, a supresión da área sanitaria de Valdeorras, o peche de Cirurxía Pediátrica en Ourense, os colapsos das urxencias en Ourense e mesmo as listas de espera interminables”.