A concellaría de Igualdade organiza actividades mensuais dedicadas ás mulleres e abre un foro de debate no que elas serán as protagonistas.

Barbadás iniciará o vindeiro domingo día 27, unha serie de actividades dirixidas ás mulleres do concello e encamiñadas a avanzar no camiño da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e que se engloban dentro dun proxecto denominado «Tempos de Mulleres»

«Tempo de Mulleres» concíbese como un tempo e un espazo de encontro e relación entre mulleres co obxectivo de compartir, sensibilizar, crear e aprender nun entorno lúdico que convide ao mesmo tempo á reflexión sobre os mecanismos que manteñen as desigualdades entre homes e mulleres e que permita analizar a realidade desde a perspectiva de xénero.

A concelleira de Igualdade Ánxela González Cid manifestou “esta iniciativa é o punto de partida moi modesto, feito sen recursos, mais que formará parte dunha liña de actuación empeñada en ir rachando cos estereotipos machistas e coa violencia moitas veces oculta que hai contra as mulleres”

Igualmente, a edil convida ás mulleres de Barbadás a que reserven un domingo ao mes para si mesmas e se acheguen ás instalacións municipais do Parque da Solaina onde se levarán a cabo diferentes actividades, “as mulleres pasamos a vida buscando tempo e espazos nos que ocuparnos das necesidades dos e das demais, e poucas veces se nos convida de ocuparnos das nosas necesidades”.

Este proxecto comeza cun cine-fórum, o domingo 27 ás 19h , un clube de lectura en outubro, unha charla-coloquio en novembro e un obradoiro sobre sexualidade en decembro.

Estas actividades, todas elas e balde e dirixidas a mulleres de todas as idades, serán complementadas ao longo do trimestre con outras que se levarán a cabo na Casa da Cultura dentro do programa cultural «Mes da Igualdade» con contacontos, teatro e música e coas propias do 25 de novembro.

A concelleira de Igualdade confía en que este proxecto vaia medrando co paso do tempo e se converta nun tempo e nun espazo capaz de crear e achegar propostas que «nos permitan construír entre todas unha sociedade máis igualitaria”, remachou.