A xornada Galicia Emprende, que se desenvolve este venres na CEO a partir das 10, está organizada conxuntamente polo Igape e a Escola de Organización Industrial para achegar instrumentos e habilidades para a posta en marcha de novos negocios.

Promover o espírito emprendedor e achegar aos emprendedores ourensáns os servizos e as axudas existentes para apoiar a posta en marcha ou a consolidación de novas empresas é o obxectivo da Xornada Galicia Emprende, que se desenvolve o día 25, a partir das 10 horas na sede da Confederación Empresarial de Ourense, organizada pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, e a Escuela de Organización Industrial (EOI).

Os emprendedores que participen neste encontro arredor do emprendemento, que ten carácter gratuíto, terán oportunidade de recibir asesoramento de expertos sobre aspectos relevantes na xestión empresarial como o márketing, as finanzas, a estratexia ou a internacionacionalización.

Realizaranse ademais talleres de comunicación sobre o plan de negocio e actividades de adestramento en técnicas de xestión empresarial. Por outra banda, haberá unha charla de financiamento e unha mesa redonda con experiencias de emprendedores, contando coa participación de empresas como Trendon.me, Eolicia e Grupo Reboreda Morgadío.

Os emprendedores participantes tamén terán a oportunidade de gravar en vídeo sínteses dos seus proxectos que se difundirán a través das redes sociais e que lles poderán servir para darse a coñecer ou para acadar financiamento.

A xornada Galicia Emprende é a primeira dun ciclo de encontros arredor do emprendemento que se celebrarán tamén, durante as próximas semanas, en Lugo, A Coruña e Vigo, para rematar cun Foro de Emprendemento en Santiago de Compostela.