Por sexto ano consecutivo, Ourense regresa ao pasado nunha festa que enxalza os anos 20.
Cunha Tweed Ride, isto é, un bicipaseo patrimonial, dará comezo este sábado a sexta edición da Bela Auria, festa de recreación histórica que situará Ourense, por un día, nos anos 20 do século pasado.
A partir das 10:30 horas, a bicicletada sairá da praza Maior e realizará un percorrido polo Ourense modernista, con paradas explicativas no parque de San Lázaro, no Progreso (onde o antigo hotel Roma) e no cruce do Paseo coa rúa Alejandro Outeiriño. Os que se animen poden rebuscar no armario dos avós para vestirse “dos anos 20, que é o que se quere recrear coa festa”, explicaba unha das súas organizadores, Rebeca Babarro.
Ao remate, os ciclistas xuntaranse cos cabezudos da Esmorga, e todos eles dirixiranse ao Xardín do Posío para a inauguración oficial da festa, a mediodía. O Posío centraliza todas as actividades de día: desde sesións de contacontos a cargo de Anxo Moure e dos Graxos da Burga, a obradoiros sobre o Castelo Ramiro, de esgrima antiga, ilustración, xogos populares e móbiles de outono, un encontro de sketchcrawl e outro fotográfico, ou un mercado creativo. A sesión vermú estará amenizada polo Comando Foucellas e dará paso a un xantar popular no que agardan reunir 500 persoas.
A festa no Posío remata coa foliada popular itinerante de Rebulir, e trasládase á noite á praza de San Marcial, onde se proxectará unha película de cine mudo con música en directo, “Sete ocasións” de Buster Keaton. A Bela Auria finalizará co concerto de Blues do País.
Son ao redor de 30 asociacións as que apoian esta celebración, que suma “15 ou 16 horas continuadas de actividades culturais gratuitas”, apuntaba outro dos organizadores Óscar Penín. Penín resaltaba que A Bela Auria “comezou sendo un experimento pequeno pero moi interesante, e hoxe xa é unha actividade consolidada que multiplicou por cinco a súa asistencia”. A festa é posible grazas aos arredor de 1.500 euros que achegan as administracións, á venda de merchandising e ao traballo voluntario dunhas 50 persoas.