Para o deputado provincial nacionalista este orzamento representa “a sublimación do clientelismo”.
O Grupo Provincial do BNG presentará este venres, no pleno da Deputación, unha emenda á totalidade dos orzamentos do ente provincial para 2016. O deputado nacionalista, Ramiro Rodríguez, pediralle ao grupo de goberno do PP “que asuma a iniciativa que lle corresponde e apresente ao pleno uns orzamentos que teñan como obxectivo fundamental sacar a provincia adiante”.
E é que para os nacionalistas as contas do vindeiro ano “representan a sublimación do clientelismo”. Son, ao seu xuízo, os “orzamentos da resignación, puro artificio contábel e inconcreción” e os “orzamentos da teimosía” por manter o Inorde, “organismo que, ademais de incumprir a lexislación en materia orzamentaria, o teito de gasto, ten demostrado a súa incapacidade”.
O BNG tamén considera que os novos plans provinciais presentados polo presidente da Deputación están baseados “na inconcreción e dos que aínda non se nos deu unha mínima explicación críbel”, en referenza ao Plan Termal, a Axencia da enerxía e medio ambiente, o plan de natalidade, o plan de emprego. “Fume e máis fumoe. Iso é o que representan estes orzamentos”.
Propostas do BNG
En substitución ao orzamento presentado polo PP, o BNG realiza varias propostas, que inclúen a supresión do Inorde, o traspaso da rede viaria de titulariedade provincial á Xunta, a creación dun servizo de cooperación de apoio aos concellos, e a elaboración dun mapa de servizos a prestar pola Deputación aos concellos e dun plan especial de investimentos.
Ademais, queren que se firme un convenio de colaboración coa Xunta para impulsar políticas agrarias, gandeiras e forestais e outro co Concello de Ourense que permita a este unha maior xestión do Teatro Principal e do Paco Paz.