Pepe Araujo e Flora Moure

En Xunta de Goberno local tamén se deu conta do informe sobre a campaña para mellorar a seguridade viaria nos centros educativos.

A Xunta de Goberno Local aprobou recibir as obras de urbanización correspondentes ao proxecto de urbanización do AR 13-N “Covadonga”, relativo ás 52 vivendas de promoción pública, ao executarse segundo as condicións fixadas no seu día e por estar en correcto estado de conservación, previa entrega das mesmas á Administración mediante comparecencia administrativa.

A partir de agora, ábrese un prazo de garantía dun ano durante o que lle corresponderán ao Instituto Galego de Vivenda e Solo as obrigas de conservación, mantemento e reparación das obras. Tamén se lle require ao IGVS constitución de garantía, en calquera das formas legalmente admisibles, por importe de 27.500 euros para garantir o cumprimento destas obrigas.

A Xunta de Goberno tamén deu aprobación a un convenio de colaboración entre o Centro Educativo CIFP A Farixa (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) e o Concello de Ourense para a realización de prácticas formativas en materia de Turismo e Termalismo, correspondentes á ensinanza “Guía información e asistencia turística”.

Seguridade viaria nos centros educativos
Fóra da orde do día, deuse conta dun informe da Concellería de Tráfico sobre a “Campaña de colexios do curso 2015/2016”. Así, durante o verán realizáronse actuacións en 29 centros de ensinanza da cidade, co fin de mellorar a seguridade nos devanditos centros e poñer a punto a sinalización horizontal e vertical na contorna destes colexios.

Como resultado desta campaña, repintáronse 20 elementos de sinalización horizontal, como pasos de peóns, liñas de pre aviso de bandas, liñas amarelas, zona de seguridade, zonas de emerxencia nas portas principais e aparcamentos do bus escolar, e instaláronse seis novos elementos de sinalización vertical (sinais de tráfico reflectarias indicativas de centro escolar, bandas sonoras).