O grupo municipal considera que a aprobación do PXOM debe contar coas máximas garantías de transparencia e participación cidadá.

 

Ourense en Común presentará unha moción no pleno ordinario do venres 2 de outubro na que demandará un acordo da corporación para garantir que o novo PXOM conte coa maior participación cidadá posible.

“Estamos perante un documento que marcará o destino de Ourense nas dúas próximas décadas, razón pola que a súa aprobación debe contar co maior consenso social e con todas as garantías posibles”. Con esta afirmación Ourense en Común quere deixar clara a súa posición con respecto aos debates xurdidos nas últimas semanas con motivo da posible anulación do ordenamento provisional: “A urxencia derivada dunha eventual caída do ordenamento provisional non pode servir de pretexto para aprobar un plan sen unha segunda exposición pública”.

Entre outras propostas este grupo solicitará a creación dunha comisión de seguimento ampla, campañas de información específica por barrios e unha segunda exposición pública: “entendemos que despois das 6.000 alegacións presentadas o documento resultante non será o mesmo que o exposto inicialmente, polo que é obrigada unha nova fase de alegacións públicas antes da súa aprobación definitiva”.