Esta actividade pechou o Proxecto Comunitario “Saber envellecer: corpo san en mente sa”.
No Salón Multiusos do Concello, usuarios e traballadores do Centro de Día/Vivenda Comunitaria de Vilar de Santos e veciños e veciñas que participaron no Proxecto Comunitario “Saber envellecer: corpo san en mente sa” e numerosas persoas asistentes , celebraron hoxe o “I Festival do Maior”, unhas xornadas que foron o resumo e remate ás actividades e terapias realizadas polos profesionais do centro ao longo do ano e que serviron para conmemorar o Día Internacional do Maior.
“Saber envellecer: corpo san en mente sa”, é un proxecto comunitario cunha periodicidade semanal con obradoiros de ximnasia, andainas, memoria en movemento, biodanza, psicomotricidade acuática, relaxación, masaxes, xogos ou psicomotricidade cos obxectivos de prevención da dependencia, fomento da autonomía persoal e mantemento da saúde impartidos e dirixidos polo equipo interdisciplinar do Centro de Día/Vivenda Comunitaria de Vilar de Santos en colaboración co Concello.
Durante a celebración os asistentes puideron gozar dunha actuación a cargo dos participantes no proxecto, cunha sesión de bailoterapia e coreografía; a da coral “As Bolboretas”, cun repertorio de cantigas populares; a proxección “Unha ollada atrás” onde se recolleron os diferentes traballos e actividades realizados no Centro de Día/Vivenda Comunitaria de Vilar de Santos e máis no Proxecto Comunitario; e a exposición dos traballos realizados polos usuarios do centro.
Rematou o festival coa entrega de diplomas aos participantes nas diferentes actividades e agasallos aos colaboradores.
Esta iniciativa forma parte do Plan de Igualdade e Benestar impulsado polo Concello con programas e actividades abertos á participación veciñal e medidas de igualdade e dinamización social, cunha gran influencia na mellora da calidade de vida e do benestar.