Día dos Maiores en Afundación

Este ano a ONU dedica esta conmemoración á reivindicación dunha contorna urbana inclusiva para os maiores.

 

A celebración do Día Internacional das Persoas Maiores susténtase anualmente en todo o mundo na reivindicación de que os que superan os 60 anos contan na sociedade: «60+ counts». En 2015, o lema escollido para esta conmemoración é «sustentabilidade e inclusión das persoas maiores na contorna urbana», tendo en conta que se está acelerando o proceso de concentración da poboación en áreas urbanas e que para 2050 se espera que as persoas de máis de 60 anos superen o 20 % da poboación mundial.

Afundación sumouse a esta celebración, dentro do seu proxecto de promoción do envellecemento activo, coa organización dun acto que permita facer visibles as demandas que expoñen as persoas maiores para conseguir unha cidade accesible, segura e que garanta a súa plena participación e inclusión. Así, a entidade instalou á hoxe durante a xornada deste xoves un photocall diante do seu centro de maiores de Ourense, no que convidaba á cidadanía a sumarse a esta celebración, facendo fotos sostendo mensaxes que apoien a campaña. O contido das mensaxes foi escollido polas socias e socios do centro e neles fan un chamamento ao respecto, a seguridade, a valoración da súa experiencia ou ao recoñecemento da súa contribución á sociedade. As instantáneas difundiranse a través das redes sociais de Afundación, utilizando o hashtag establecido por Nacións Unidas: #60PLUS , para sumarse así á campaña internacional.

Co obxectivo de estender a campaña máis aló do Día Internacional das Persoas de Idade, Afundación programou tamén un ciclo de cinema, que comezará o próximo 7 de outubro, no que se proxectarán catro películas, «Le Week-end», «En construcción», «Un amigo para Frank» e «Sang Woo y su abuela». En todas elas abórdanse desde diferentes perspectivas as incertezas e os retos de ser maior, a soidade, a perda, pero tamén a ilusión de vivir e a oportunidade de renovarse, aprender e seguir medrando. As proxeccións, que teñen entrada libre e gratuíta, faranse nas sedes de Afundación das distintas cidades.