A agardada reforma da céntrica vía suporá un investimento de 766.124 euros.
A Xunta de Goberno Local (XGL) do Concello de Ourense acordou aprobar o expediente para contratación, mediante procedemento aberto, das obras do proxecto de urbanización da Rúa do Concello. A reforma da céntrica vía contará cun orzamento de 633.963,65 euros máis o IVE correspondente, o que alcanza unha suma total de 766.124 euros.
Este orzamento únese a outros proxectos para os que a XGL deu luz verde, e que ascenden a un total de 1.433.599,33 euros. A rehabilitación da pasarela peonil sobre o Barbaña é un deses expedientes de contratación que se acordaron aprobar. O orzamento total das reparacións na infraestrutura ascende a un total de 106.535,30 euros. Tamén recibiron a aprobación da xunta de goberno o asfaltado nas rúas Capela, Pazo e Canedo en Eirasvedras, cun orzamento de 78.717,46 euros. Igualmente, aprobáronse os expedientes de contratación das obras de saneamento na Besada, en Santa Mariña, (128.063,12 euros) e do acondicionamento e renovación do firme actual na praza das Eiroás e rúa do Pazo (126.681,85 euros).
Noutro ámbito de actuacións, a XGL adxudicou o proxecto para a interconexión do saneamento da rúa Rabaza e do núcleo dos Viros Souto-Sanín por un importe de 112.023,41 euros. Igualmente, adxudicouse o proxecto de mellora de infraestruturas urbanas e humanización da rúa Murga por un importe de 102.366 euros.
A XGL decidiu, ademais, resolver coa empresa Viaqua, concesionaria da rede de augas de Ourense, a reparación da totalidade do colector da rúa Alejandro Pedrosa logo dunha avaría que deixou a rúa anegada de auga.
Videovixilancia no polígono de Seixalbo deberá esperar
Porén, non todo foron aprobacións na xuntanza desta mañá: a XGL decidiu renunciar á instalación eléctrica de baixa tensión para videovixilancia no polígono empresarial de Seixalbo e ao proxecto de acondicionamento das infraestruturas de dito recinto empresarial logo de detectar irregularidades na recepción das subvencións para os mesmos. Ambos proxectos retomaranse despois de subsanar os procedementos.
5.162 m2 na zona das Burgas
No tocante á parcela de Xestión Urbanística, a XGL aprobou o proxecto de expropiación dos bens e dereitos incluídos no AR-As Burgas do Plan Especial de Protección do BIC das Burgas polo sistema de taxación conxunta. Esta actuación afecta a 5.162 metros cadrados de terreos divididos nun total de 9 parcelas, e para o que se libera unha partida de 1.599.893,78 euros. O prazo de de apertura de información pública, mediante comunicación directa cos afectados e anuncios públicos, será dun mes.
Achega de capital privado para o Festival de Cine (OUFF)
No eido cultural, a XGL deu conta dos cinco primeiros convenios de colaboración, aos que lle seguirán outros, entre OUFF e diferentes entidades privadas para o patrocinio da vixésima edición do Festival. O evento contará co apoio das seguintes firmas: Gadisa (7.500 euros), Bodegas Docampo (3.000 euros), Abanca (15.000 euros), Coren (2.000 euros) e a Federación de Librarías de Galicia (3.000 euros). O total dos acordos ascende a 30.500 euros para o OUFF.
VII Concurso de Fotografía Lactancia Materna 2015
Finalmente, a XGL ratificou a decisión do xurado do VII Concurso de Fotografía Concello de Ourense: Lactancia Materna 2015, que repartía 2.200 euros en premios, outorgados da seguinte maneira: Primeiro Premio para Esther Lucía Naval, dotado con 1.000 euros; Segundo Premio para Inma Vilanova (500 euros); dez accesits de 70 euros cada un a Luis Alfredo Parga, Rubén Vilanova, Bruno Ribao, María Concepción Ferreiro, Enma Pita, Esther Lucía Naval, Susana Baños, Sonia Argilés, María Carmen Salgado e Xavier Ferrer.
Concurso de carteis
Fóra da orde do día, a XGL aprobou sacar a concurso o deseño dos carteis das festividades de Samaín e Magosto. A mellor proposta en cada categoría estará premiada con 500 euros, e o prazo de presentación é de dúas semanas a partir da súa aprobación.