Para os membros da comunidade universitaria e as persoas allea a ela que entre os bos propósitos para o curso 2015/2016 teñen facer algún tipo de exercicio, o Servizo de Deportes do campus de Ourense xa ten aberto o prazo para inscribirse nas súas actividades.

Entre as novidades deste ano está a entrada da ximnasia hipopresiva na programación das escolas deportivas, que ofertan arredor de 40 opcións formativas para todo tipo de públicos e que constitúen un dos piares da oferta deportiva universitaria.

“A programación deste curso consolida a do ano pasado e introduce algunha novidade. Deste xeito, damos continuidade a todas as escolas deportivas, que cada cuadrimestre contan con arredor de 300 persoas inscritas; engadimos como principal novidade ximnasia hipopresiva, que está moi de moda, e recuperamos algunha das actividades feitas en anos anteriores que pensamos que pode volver a interesar, como o tenis de mesa”, comenta Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense. As escolas deportivas que se organizan desde o propio campus abranguen modalidades moi diferentes, como son aero jump–gap, boot camp, ciclo indoor, defensa persoal-artes marciais mixtas, power-dumbell, salvamento acuático deportivo, rugby, balonmán, voleibol, xadrez, tenis, tenis infantil e tenis de mesa.

As demais escolas deportivas serán impartirdas noutros ximnasios da cidade. Ofrecendo formación en danza da Polinesia, de Bollywood, do ventre e oriental, taichi-kung, wu shu, pilates, aerobic, defensa persoal-jiu jitsu, judo, plataforma vibratoria, TRX adestramento en suspensión, circuit training, adestramento persoal fitness, street e break dance, bailes latinos, zumba, ximnasia hipopresiva.

Piscina, centros deportivos abertos, roteiros…

A piscina universitaria CDU AQA, que tamén dispón de sala cardio-fitness, sala de musculación e actividades dirixidas, ofrece escolas deportivas de iniciación ou perfeccionamento en natación e aquagym. Alén de poder acceder a ela tamén con diferentes tipos de abonos, os membros da comunidade universitaria contan con diversas tarxetas que lles ofrecen vantaxes combinando diferentes servizos, como son o uso das instalacións do Servizo de Deportes, a piscina, actividades dirixidas e o Programa Ponte en Forma. As persoas interesadas en realizar actividades de piscina tamén poden asistir a cursos de natación e a práctica libre deste deporte no Consello Municipal de Deportes.

Tamen existe unha escola de atletismo, ofrecida pola Escola Ourense Atletismo para nenos e nenas e atletismo sénior, que se desenvolverá na pista do campus universitario e no Pavillón dos Remedios e no que pode inscribirse tanto público xeral como membros da comunidade universitaria.

Para aquelas persoas ou grupos que non queiran facer actividades formativas e que prefiran a práctica deportiva libre, tanto os membros da comunidade universitaria como as persoas alleas poden facer uso das instalacións universitarias a través de diferentes abonos e reservas. Ademais, un ano máis, os amantes de camiñar poderán ao longo do curso participar nas rutas culturais; as persoas ás que lles gusta a práctica do deporte en grupo poden apuntarse aos diferentes equipos do campus e os membros da comunidade universitaria que queiran coidarse de xeito integral teñen á súa disposición o Programa Ponte en Forma e os servizos de Fisioterapia e Medicina Deportiva, entre outras actividades.