Nava Castro no Consorcio da Ribeira Sacra

A directora de Turismo de Galicia asinou un convenio de colaboración co presidente do Consorcio Turismo Ribeira Sacra para a realización de actividades de promoción e información do turismo neste territorio.

Nava Castro, xunto cos delegados territoriais da Xunta en Ourense e Lugo, Rogelio Martinez e Raquel Arias, respectivamente, asinou un convenio de colaboración co presidente do Consorcio Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández, para a realización de actividades de promoción e información do turismo neste territorio.

O convenio constitúe unha continuación da colaboración realizada a través do Plan de Dinamización desenvolvido nesta área, levando agora a cabo actuacións que afectan ao conxunto do xeodestino, para, desta forma, potenciar este destino xa moi definido no ámbito turístico.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o obxectivo do convenio é traballar conxuntamente na renovación do material de promoción, a consolidación dos produtos turísticos, a priorización das accións de promoción, a difusión e dinamización dos valores patrimoniais, turísticos, paisaxísticos e medio ambientais da Ribeira Sacra e a comercialización dos produtos turísticos consolidados.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta resaltou que con esta colaboración procurarase a sensibilización tanto dos visitantes como dos propios veciños de cara a preservar e poñer en valor ese fermoso patrimonio natural, artístico e cultural que existe na Ribeira Sacra.

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia sinalou que outro dos obxectivos desta colaboración é acadar unha imaxe uniforme e unificada en todos os establecementos turísticos deste territorio de cara a promoción do destino da Ribeira Sacra. Así, grazas ao convenio, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra aprobará unha ordenanza reguladora que establecerá a imaxe uniforme para todos os establecementos turísticos do destino.

Máis de 26 mil viaxeiros en agosto
Durante a presentación do convenio, Nava Castro destacou que esta colaboración axudará, ademais, a continuar mellorando os datos turísticos deste xeodestino que alcanzou no pasado mes de agosto os 26.586 viaxeiros e as preto de 40 mil pernoitas o que supuxo un aumento de ocupación de 1,48 puntos porcentuais.

Deste modo, no que levamos de ano na Ribeira Sacra se rexistrou un aumento dos viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 12,51% en relación ao mesmo período do pasado ano, situándose en case 123 mil. Esta mellora trasladase tamén as pernoitas que se sitúan en máis de 177 mil o que supón un incremento do 9,75%.