Aseguran que o popular Juan Anta converte á súa man dereita “en alcalde de facto e no político mellor pagado”.
O portavoz dos socialistas da Veiga, Fernando Fernández, tacha de “engano ao electorado” e de “acto despreciable desde o punto de vista ético” a recente atribución dunha dedicación parcial do 75% ao tenente de alcalde, Vicente Lameiro Alonso, que se traduce nun gasto para as arcas públicas dun total anual de 35.358 euros.
«Este feito converte ao señor Lameiro Alonso no político mellor pagado non só da comarca, senón de parte da provincial en termos de responsabilidade, cargo e poboación», sinalan os socialistas. O PSdeG considera non só inoportuno, senón innecesario «que un señor dun pobo de menos de 1.000 habitantes, do que nin é alcalde, cobre en proporción case o mesmo que o rexedor do Barco, que ten unha dedicación exclusiva pero nun municipio de 14.000 habitantes». O socialista Alfredo García percibe 41.119 euros como alcalde do Barco, mentres que o tenente de alcalde da Veiga gañará 26.919 euros por unha dedicación parcial ao 75%
Os socialistas aseguran que deste xeito o rexedor, o popular Juan Anta, «xa nin esconde que o señor Lameiro Alonso é o alcalde de facto», e lémbranlle que en maio, durante a campaña electoral, nuha entrevista prometera non establecer ningunha dedicación se chegaba a gobernar, pois, considerábao “innecesario”.
O PSdeG cre que esta dedicación parcial «de cifras nunca vistas nun pobo do tamaño da Veiga» Juan Anta deixa ben claro «que a el A Veiga non lle interesa», pois continuará vivindo en Ourense, «desenvolvendo a súa carreira profesional, sendo deputado provincial cunha dedicación parcial, dirixindo o concello por teléfono e utilizando o municipio como trampolín para lanzar a súa carreira política».