A sede central de Partenalia está en Bruxelas e o goberno provincial ourensán terá a súa disposicións estas oficinas, ubicadas no centro político da Unión Europea.
A Deputación de Ourense forma parte desde este 2 de outubro do Consello Político de “Partenalia”, a organización política de gobernos locais intermedios de Europa. Na segunda xornada do cumio que se celebra en Castellón o plenario aprobou por unanimidade a incorporación de Manuel Baltar no órgano de xestión e a do presidente do County Council de Staffordshire (Reino Unido), Philip Atkins.
Desta maneira, a Deputación entra a formar parte do máximo órgano de xestión desta organización xeopolítica que ten a súa sede central en Bruxelas e da cal o goberno provincial ourensán poderá dispoñer, no centro político da Unión Europea, para realizar o seu labor de xestión no que atinxe ao desenvolvemento de proxectos europeos a prol da provincia de Ourense.
Manuel Baltar expresou o agradecemento por parte do goberno provincial de Ourense e dixo que a forza da unión dos gobernos locais intermedios de Europa “permitiranos trasladar a Bruxelas as peculiaridades das nosas administracións, que son ás máis achegadas á realidade social e ao día a días dos cidadáns”.
Así mesmo, a asemblea de Partenalia aprobou a “Declaración de Castellón para o bo goberno”, asinada por todos os membros, que inclúe propostas de Manuel Baltar como a elección directa dos cargos públicos, os procesos de transparencia e “Goberno aberto” e a responsabilidade social corporativa.
Economía e competencias
No que atinxe aos aspectos económicos, Partenalia defende que a necesaria racionalización da estrutura das administracións públicas “garante a sustentabilidade financeira das mesmas e o control dos niveis de gasto nos asuntos competentes”, e sobre Participación efectiva propón “establecer unha norma legal sobre os mecanismos de participación cidadá efectiva como requisito obrigatorio para o conxunto de gobernos locais intermedios. As ferramentas e canles para a escoita activa, o diálogo e suma de talento conforman unha oportunidade democrática única de mellorar a acción política”.
Finalmente, Partenalia afirma que temos o deber “de devolver o prestixio á política e a confianza dos cidadáns nas administracións públicas, e iso pasa por seguir levando a cabo propostas encamiñadas cara á rexeneración política e democrática, así como promover a exemplaridade do servidor público”.