En setembro 58 persoas abandonaron as listas do paro na provincia.

 

CCOO considera que a “pírrica” baixada de tan só 58 persoas das listas do paro en Ourense en setembro demostra que a recuperación económica nesta provincia “é unha quimera”.  A secretaria xeral de CCOO, Ana I. Barrios, remarca que “esa diminución tan insignificante reflicte que a crise segue instalada e ben aferrada na provincia e a precariedade continúa ben arraigada co 93% dos contratos formalizados como eventuais. Tamén, outro mes máis, o maior incremento do desemprego e a maior precariedade segue a producirse no sector servizos”.

CCOO advirte que, en Ourense, dos 23.506 desempregados, só o 61% cobra prestación por desemprego, tan só 30 persoas cobran polo programa Prepara e, en moitos fogares, son os maiores e os pensionistas os que están a soster a economía familiar de tres xeracións.

Ademais, Barrios afirma que “en CCOO non dubidamos que as cifras macroeconómicas do estado vaian experimentando un certo incremento á alza, pero evidentemente esa circunstancia non se traduce en creación de emprego real”. Así mesmo, consiera “urxente axudar a todas aquelas persoas que teñen unha situación económica máis necesitada” a través de medidas de protección social da Administración.

Por iso, o sindicato está realizando unha recollida de sinaturas para formular unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) coa que pretenden que o Parlamento “estableza e garanta unha prestación de ingresos mínimos para as persoas que carecen de recursos”. Trataríase dunha prestación de 426 euros que, nestes momentos, protexería a 2.000.000 de persoas en todo o estado, aproximadamente unhas 90.000 en Galicia das cales 10.000 son ourensás.

Valoracón da CIG

Pola súa banda, a CIG tamén coincide en que con esta mínima baixada «mantense o nivel de desemprego e a temporalidade na contratación». Ademais, denuncian que «o masivo éxodo de ourensáns a emigración en busca de un posto de traballo e a manipulación dos datos oficiais, excluíndo a colectivos de parados, serve para amortiguar as cifras de parados e para disimular a grave situación de falla de emprego e de futuro laboral na provincia».