Trátase dun paso máis, de vital importancia, para que no vindeiro curso académico o Campus de Ourense ofreza esta nova titulación.

O Concello de Ourense agradece o compromiso da Xunta de Galicia coa cidade de Ourense, ratificado hoxe de novo co visto bo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria á continuación dos trámites para a implantación do grao de Enxeñería Aeroespacial para o vindeiro curso académico.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de emitir informe previo de envío a verificación da titulación de Grao en Enxeñaría Aeroespacial. Unha vez realizado e comunicado este trámite, a memoria do título pasará a ser avaliada por unha comisión de expertos designados por la Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

Tras o informe da ACSUG, a tramitación continuará no Consejo de Universidades do Ministerio de Cultura, Educación y Deporte, que deberá emitir resolución de verificación para que a titulación se poida implantar finalmente.

Con este acordo adoptado polo departamento autonómico, dase un paso de vital importancia para a implantación desta titulación no Campus de Ourense, dependente da Universidade de Vigo.

O alcalde, Jesús Vázquez, lembra que este compromiso foi asumido e ratificado polo actual conselleiro de Educación, Román Rodríguez, dando deste xeito trámite a un proceso que o propio Vázquez Abad comezara na súa etapa á fronte da Consellería de Educación.