A rede instalada na rúa da Laxa e dos Limoeiros e o núcleo da Costa en Cudeiro será ampliada e mellorada para garantir este servizo aos veciños destas zonas.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas apoia a execución da mellora do abastecemento de tres zonas do Concello de Ourense, por un importe de 120.000 euros. Augas de Galicia vén de adxudicar as obras de mellora da rede de abastecemento na Rúa da Laxa, por un importe de case 50.000 euros. Esta actuación súmase á ampliación da rede de abastecemento na rúa dos Limoeiros e á ampliación da rede de abastecemento no núcleo da Costa en Cudeiro. As obras comezarán e rematarán este mesmo ano, pois os prazos de adxudicación van dende as catro semanas ata os dous meses.
No caso da rúa das Laxas, na actualidade, as vivendas rexistran falta de presión cando entran en funcionamento as dúas bocas de rego ubicadas no centro deste núcleo rural. Para solventar esta situación, proponse unha actuación que consistirá na substitución da tubaxe de abastecemento que existe na intersección da estrada OU-0153 coa rúa da Laxa e unha nave dunha empresa automovilística. Así, o incremento de diámetro permitirá reducir as perdas de carga lineais e con isto mellorarase as condicións de presión.
A ampliación da rede na rúa dos Limoeiros, cuxo investimento é de case 30.000 euros, teñen por obxecto dotar deste servizo ás vivendas desta rúa, que na actualidade carecen deste servizo. Coas obras instalarase unha nova tubaxe de 350 metros que conectará coa máis próxima, a da rúa do Tangaraño, que finaliza nas proximidades da rúa Cadaval Valladares, no barrio da Carballeira. A previsión de Augas de Galicia é que esta actuación se remate este mesmo ano, xa que o prazo de execución é dun mes.
Por último, as obras da ampliación da rede de abastecemento no núcleo da Costa en Cudeiro teñen por obxecto dotar de abastecemento ás vivendas desta zona rural do Concello de Ourense. Esta instalación de case un quilómetro de lonxitude (827 metros) estará conectada á rede que ten a súa orixe no depósito de distribución de Madrosende. A rede tamén abastece desde este depósito ao núcleo de Poboadura. O importe desta actuación supera os 42.000 euros e o prazo de execución é de dous meses.
As tres actuacións de abastecemento responde ás solicitudes plantexadas polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, en reunións de traballo para analizar a situación e as necesidades en materia hidráulica da cidade das Burgas.
Valoración
«É unha magnífica noticia para Ourense e, sobre todo, para os veciños que ata o de agora non tiñan unha infraestrutura básica en condicións, como é o abastecemento. A canle de colaboración institucional seguirá sendo unha constante na nosa xestión diaria, co fin de acadar os mellores servizos para os habitantes de Ourense», recalcaba o alcalde, Jesús Vázquez.