Este luns quedou constituída a Mesa da Mobilidade coa presenza de todos os grupos políticos e unha nutrida representación de sectores sociais.

O Concello de Ourense constituíu a Mesa de traballo pola Mobilidade, unha primeira reunión para adoptar medidas que persigan un modelo de cidade saudable, sostible, eficiente e seguro. Á convocatoria, presidida polo alcalde, Jesús Vázquez, déuselle o carácter de transversal, polo que acudiron as concelleiras de Tráfico, Flora Moure, Asuntos Sociais, Sofía Godoy, Educación, Belén Iglesias, Infraestruturas e Transporte Público, José Araújo, e Urbanismo, José Cudeiro, así como técnicos das diferentes áreas. Igualmente, estaban presentes os representantes dos grupos políticos do pleno do Concello (Democracia Ourensana, Psoe e Ourense en Común) e de sectores diversos da sociedade: taxistas, asociacións de veciños, asociacións de nais e pais, consellos escolares, asociacións de discapacitados ou stop accidentes, entre outros colectivos.

“Era necesario dar o primeiro paso para poñer a andar un plan de mobilidade que se convocou en maio de 2012, pero tamén actualizalo, porque as necesidades das cidade mudaron”, aseguraba o rexedor, Jesús Vázquez, ao principio da reunión. O obxetivo da reunión celebrada esta mañá no centro cívico de Colón e conseguir que «Ourense se convirta nunha cidade máis ecolóxica, inclusiva para todos aqueles que teñen problemas de mobilidade, e con itinerarios adaptados nos espazos públicos”, dixo.

De seguido, foi o portavoz do goberno, José Araújo, quen tomou a voz cantante, emprazando os asistentes a revisar o plan de 2012 e ir facendo as pertinentes achegas, así como incluír a todas as asociacións que poidan ter algo que dicir na mesa. Neste sentido, avogouse por incluír na convocatoria a asociacións de motoristas.

A próxima reunión da mesa de mobilidade celebrarase no prazo dun mes.