Mellorarase o perfil transversal da estrada e estenderase unha nova capa de rodadura ao longo de 2,2 quilómetros.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia este luns as obras de rehabilitación do firme da estrada Piñeira de Arcos – A Ponte Noalla (OU-320) desde a travesía de Taboadela ata a intersección coa N-525.
Estes traballos adxudicáronse a Aglomerados y Construcciones Valdeorras S.A. (ACOVAL) por 199.316,52 euros e teñen un prazo de tres meses.
Con esta actuación o Goberno autonómico mellorará o estado do firme, que na actualidade presenta deformacións e irregularidades na sección transversal como consecuencia de diversas reparacións parciais realizadas ao longo dos anos.
Os traballos previstos desenvólvense nos núcleos de Espiñeira e Taboadela e consistirán no fresado do firme ata eliminar as deformacións existentes, e a posterior extensión dunha nova capa de rodadura. A rehabilitación do firme se acompañará coa reposición da sinalización horizontal e vertical da estrada.
Estas obras, unha vez rematadas, proporcionarán unha rede mais cómoda e segura en beneficio dos mais de 1.600 habitantes do Concello de Taboadela.