Este colectivo organiza os días 10 e 11 de outubro un campamento de exploradores no albergue de Vilar de Ordelles, en Esgos.
A próxima fin de semana do 10 e 11 de outubro o grupo scout “ILEX” vai a realizar un campamento “Academia de Exploradores” aberta a todos os nenos de 8 a 13 años, coa que tamén dará a coñecer a súa actividade.
O grupo scout ILEX constituíuse recentemente como asociación e conta cunha ducia de voluntarios, con ampla formación e experiencia, que impulsarán a súa actividade educativa. Este colectivo caracterízase por ser o primeiro grupo scout da cidade de tipo laico, e forma parte dun movemento educativo internacional ao que pertencen máis de 30 millóns de persoas, que comparten un mesmo sistema de valores e o desexo de construír un mundo mellor.
“Somos unha escola de cidadanía, na que educamos na liberdade, a xustiza e a solidariedade, estimulando a responsabilidade persoal no marco da convivencia e o servizo á comunidade. Pretendemos contribuír a espertar o espírito crítico e participativo, respectando a liberdade persoal á vez que promovendo hábitos de vida saudable e o compromiso co coidado e defensa do medio”, explican.
Organizarán actividades todos os sábados pola mañá (a partir do 24 de outubro) no Espazo Xove (Casa da Xuventude) da capital, que se combinarán con campamentos ao longo do ano, principalmente coincidindo coas vacacións de Nadal, Semana Santa e verán.
Primeira actividade
O campamento que organzan esta fin de semana será unha forma de presentarse. “Faremos orientación, cociña de campaña, xogos, lume de campamento, rastrexo, cancións e en definitiva unha chea aventuras ambientadas no mundo da exploración que terán como base o albergue de Vilar de Ordelles, que xenerosamente nos cede o Concello de Esgos”, detallan. Esta actividade, totalmente gratuíta mediante a colaboración da Xunta, inclúe a alimentación, aloxamento, materiais, actividades, seguros, monitores e o transporte de ida e volta a Ourense.
A inscrición pode facerse a través da súa páxina web (http://scoutsourense.org/) e previamente ao campamento realizarán unha reunión coas familias dos participantes para despexar todas as dúbidas.