Segundos os socialistas, o Concello aboou os 50.000 euros á empresa a pesar de que as melloras non foron rematadas nin se cumpriron os prazos.
O PSOE do Irixo vén de denunciar que a empresa COVIASTEC S.L., encargada de ralizar melloras de pavimentación no municipio, incumpriu o contrato adquirido co Concello. “Non fixo a totalidade das obras contempladas no proxecto técnico e tampouco acometeu as melloras polas que se lle adxudicou dito contrato, non cumprindo os prazos de execución”, explican os socialistas, que, ademais, denuncian que o Concello xa aboou os 50.000 euros correspondentes ás mesmas a pesar do incumprimento, xa que as obras debían estar plenamente rematadas a finais de agosto.
Como consecuencia, esíxenlle ao alcalde do Irixo que “reclame á empresa adxudicataria para que no máis breve prazo posible cumpra o contrato administrativo e o proxecto técnico das obras adxudicadas”, así como que lle esixa á mesma “as compensacións oportunas polo incumprimento contractual no presente expediente”.
Os socialistas aclaran que algunhas das obras que non foron acometidas afectaron ao tramo comprendido entre o pobo de Zacarade e do Outeiro (onde só se realizou a metade dos metros de formigonado previstos), no pobo de Orosa (non se acometeron a metade dos metros e camiños contemplados no proxecto), e no pobo do Quinteiro e Barro (non se acometeu a pavimentación contemplada).
Obras durante 28 anos
Ademais, dende o PSOE reclaman que eles solicitaron o 24 de xullo os expedientes dos últimos 10 anos das obras realizadas por esta mesma empresa “Construcciones Benigno Álvarez S.L.” e “Coviastec S.L.” “para fiscalizar a realización dos contratos acordados, xa que veñen realizando nos últimos 28 anos case a totalidade das obras deste Concello”, explican. A resposta do Concello foi que lles serían facilitados en 15 días, pero a día de hoxe aínda non aconteceu.