Os bombeiros acudiron ao barrio do Peliquín a retirar unha árbore que impedía a circulación e traballaron na limpeza de rúas e baixos anegados, coma o da Asociación Down Ourense.

 

O temporal de auga que afectou á cidade Ourense nas últimas horas deixa, ao mediodía do luns, numerosas incidencias relacionadas co corte no subministro da luz e coa entrada de auga en diferentes lugares da cidade. Técnicos de semáforos, Policía Local e Bombeiros traballaron arreo durante toda a noite e ao longo da mañá para solucionar os diversas incidencias que, principalmente, afectaron á zona leste da cidade, a que comprende os barrios da Milagrosa, San Francisco, A Saínza ou Barrocás. A eles uníronse traballadores de Fenosa, Viaqua e servizo de mantemento de estradas.

A central de comunicacións da Policía Local de Ourense comezou a recibir as primeiras chamadas ás 0:30 horas, relacionadas principalmente co corte do subministro eléctrico en vivendas particulares, na rúa -o que leva propiciando a inutilización de numerosos semáforos- ou por baixos anegados. Ás 5:50 horas, os bombeiros tiveron que cortar e retirar unha árbore no barrio do Peliquín que non permitía a circulación.

A partir de aí, os esforzos de Policía Local e Bombeiros centráronse en rotondas anegadas (rúa Melchor Velasco, Jesús Soria, Ribeiriño…), arquetas de auga levantadas e rotura de tuberías, así como en diferentes baixos da cidade que acumulaban auga, entre eles o da Asociación Down de Ourense. Se ben os semáforos da zona Couto iban recuperando o subministro eléctrico, os da Avenida de Zamora, Peña Trevinca, Emilia Pardo Bazán, e zona das Lagoas non recuperaron a normalidade ata ben entrada a mañá.

A ausencia de fluído eléctrico provocou, igualmente, deficiencias na Praza de Abastos e arredores, chegando mesmo a afectar ao funcionamento dos bolardos de acceso ao casco histórico, caso dos de Doutor Marañón.

Ao mediodía, os técnicos de semáforos do Concello de Ourense aínda seguían esperando polo normal restablecemento do subministro eléctrico para coordinar todo o sistema semafórico da cidade.