Segundo a socialista, queixas de usuarios do servizo de Pediatría da área de Maceda e deficiencias na atención provocaron cambios de pediatra e diagnósticos tardíos que afectaron a varias familias da zona.
A deputada autonómica socialista e secretaria de Organización do PSdeG de Ourense, María Quintas, recolleu varias queixas pola atención do servizo de Pediatría na área de Maceda.
Segundo recolle a socialista nun comunicado, “persoas usuarias deste servizo achegaron estas queixas que xa veñen de lonxe e son da suficiente gravidade coma para que un servizo universal non sexa prestado coas totais garantías de atención que se requiren”. En concreto, e “debido á deficiente atención no servizo”, algunhas familias da zona de Maceda decidiron cambiar o pediatra que atende os seus fillos para acudir aos de Ourense e O Carballiño “entre outras localidades, co conseguinte prexuízo económico e perda de tempo nos traslados”.
Quintas reseña o caso dun bebé que presentaba rexeitamento ao biberón con vómitos “ e tras varias consultas no servizo de Pediatría de Maceda, reiterando , os pais, en varias ocasións, a remisión a un especialista e vendo como os percentís de crecemento e peso da pequena non se axustaban aos correspondentes á súa idade; entenderon que o diagnóstico non era, para nada, o axeitado e a atención prestada deixaba moito que desexar, polo que tiveron que dirixirse ao servizo de urxencias de Ourense. Finalmente, o diagnóstico da menor deu coma resultado, alerxia á lactosa e ao glute”.
Dende o PSOE advirten desta problemática ao Sergas “para que tome as medidas axeitadas e oportunas en aras de que o servizo de pediatría de Maceda e a área que corresponde ao profesional poidan someter ao mesmo a unha inspección”.
Ademais, as deputadas autonómicas María Quintas, Carmen Acuña, e a deputada provincial Susana Rodríguez manterán unha reunión coas familias afectadas para canalizar este asunto a través das canles institucionais.