Rogelio Martínez visitou estes traballos de mellora de seguridade viaria nos que a Axencia Galega de Infraestruturas inviste máis de 40.000 euros

Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de inciar as obras para dotar ao núcleo urbano de Alongos, no concello de Toén, de beirarrúas e mellorar así a seguridade viaria dos peóns desta zona.

A Axencia Galega de Infraestruturas destina un orzamento de 40.864,70 euros, para a execución desta mellora, que conta con Fondos Feder.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, xunto co alcalde do municipio, Amancio Cid, visitou os traballos que teñen por obxecto a construción dunha senda peonil pola marxe esquerda da estrada OU-402, entre os puntos quilométricos 7+900 (na intersección a Toén) e 8+120, punto no que finaliza a senda existente, á que dará continuidade. Deste xeito, mellorarase a seguridade viaria do conxunto dos usuarios deste vial, e en especial dos peóns.

Martínez explicou que no treito no que se está a a actuar, a estrada tiña ata agora unha calzada estreita e sen beiravías; nas marxes, contaba con gabias en terra que se vían interrompidas polas entradas con distintos niveis a varias edificacións e a algún negocio, o que facía que os peóns circulasen pola calzada. O prazo para a execución das obras é de 3 meses, polo que a Axencia Galega de Infraestruturas rematará as obras neste outono.