Con tres exposicións que se poden contemplar ata o 18 de outubro.
O Museo Municipal de Ourense acolleu este martes a presentación das XXVII Xornadas de BD de Ourense, un clásico da programación cultural da cidade que pretende descubrir novos talentos e espertar vocacións no mundo do cómic, e que durante todo o mes de outubro celebra exposicións e actividades relacionadas co mundo das viñetas.No acto participaron a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, a directora do espazo expositivo, Eva Torres, e Xosé Lois Vázquez Che, da Asociación Benito Losada, organizadora en memoria do que fora impulsor das xornadas a finais dos anos 80 desde a Casa da Xuventude.
No Museo Municipal poderan verse as tres exposicións que conforman das xornadas. Na planta baixa do recinto cultural, os traballos premiados no III Certame Benito Losada de Banda Deseñada.
Por certo que xa se fallou cuarta edición do concurso, no que participaron 20 autores, con 22 traballos. Un 25% máis que na anterior edición o que, a xuízo do organizador, “é unha consolidación case de facto” deste certame, creado para honra a memoria de Benito Losada. Na categoría de maiores de 17 anos, o xurado concedeu o primeiro premio a Víctor L Pinel e Alicia Jaraba Abellán por «Pendulum, mentres que Alicia Jaraba Abellán recibiu o 2º premio por «Superheroes”. Houbo tres mencións especiais: para Elisabet García Aires por «Chejov”; Pablo A. Rosendo por «s/título», e Xulia Pisón Egea por «A única maneira». Na categoría de debuxantes menores de 17 anos o primeiro premio acadouno Breixo Mosquera Freire por «Volvendo á rutina»; e as mencións de honra Carlos Fandiño Soto por «A abella e o dardo», Iria Couso Buján por «s/título», e Ismael López Arias por «Antón e Cibrán».
Na mesma sala do Museo Municipal exponse a proposta “Creando nun garaxe”, bandas deseñadas a redor da figura de Sherlock Holmes elaborados polos integrantes de O Garaxe Hermético, alumnos da Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración de Galicia dirixidos por Kiko da Silva.
Finalmente no primeiro andar, a exposición “Axudas Injuve para la creación joven 2014”, que inicia en Ourense a súa xira por España, e que reúne aos cinco proxectos beneficiados destas axudas ás creación en ilustración e cómic.
Todas elas poderán visitarse ata o 18 de outubro.
Premio á mellor iniciativa BD
Ademais, próximamente entregarase o Premio á mellor iniciativa BD Cidade de Ourense, que recaerá no podcast “Metrópolis delirantes” polo seu apoio e difusión da banda deseñada feita en Galicia. O galardón, de carácter simbólico, consiste nunha escultura do artista plástico Manolo Figueiras.
O programa desta 27ª edición complétase coa edición do fanzine das xornadas, que este ano se recupera tras non ter sido publicado na edición pasada.
Xosé Lois González agradeceu a achega económica do Concello de Ourense ás Xornadas de Banda Deseñada, ao redor do 50% do seu orzamento. A Concellería de Cultura achega 3.000 euros para estas xornadas e o Outono Fotográfico mentres que a Concellería de Xuventude contribúe con 16.000 euros.
Pola súa banda a edil de Cultura, Belén Iglesias, recalcou a aposta do Concello “para que todos os estilos artísticos teñan cabida”.