Ata o 9 de outubro está en marcha unha campaña da Federación de Comercio que repartirá 4.000 euros entres os consumidores ourensáns.
A Federación Galega de Comercio, a Federación de Comercio de Ourense e a Consellería de Economía e Industria continúan a desenvolver a campaña de dinamización do consumo nas vilas galegas, que baixo o lema “As compras na túa vila teñen premio”, ten lugar en Ourense dende o pasado día 28 de setembro e ata o vindeiro venres 9 de outubro. A iniciativa premiará con 4.000 euros a confianza no comercio retallista, sorteándose cinco tarxetas regalo de 300 euros e 25 tarxetas regalo de 100 euros.
Os consumidores de Ourense están a amosar un gran interese por esta campaña, presentando os seus tickets de compra na carpa situada na Rúa Paseo ou ás promotoras que se atopan polas rúas da cidade, quenes lles entregan boletos de participación para o sorteo final que terá lugar o 9 de outubro, na mesma Praza Eugenio Montes, dentro dun final de campaña que contará cunha actuación de maxia para nenos. O sorteo será ás 20 horas en directo e os posuidores dos boletos deberán estar presentes para converterse en gañadores.