O sindicato rexeita a eliminación da quenda de noite neste corpo de seguridade.

A CIG denuncia discriminacións e descompensacións salariais na Policía Local do Carballiño. Ante as noticias publicadas sobre a eliminación da quenda de noite na Policía Local do Carballiño, e a posibilidade de que esta eliminación se perpetúe no tempo, o sindicato manifesta o seu «total rexeitamento a este novo recorte de servizos públicos».

Xa en abril de 2015, cando gobernaba o PP no Carballiño, a CIG denunciara diferentes problemas que estaba a sufrir o servizo da Policía Local do Carballiño, facendo fincapé «na falta de efectivos dispoñíbeis para o servizo». E é que os efectivos da Policía Local vironse reducidos nos últimos tempos o pasar varios axentes a postos de segunda actividade ou a realizar o seu traballo noutros servizos «o que leva a unha descompensación, novamente, do servizo».

A central sindical rexeita «absolutamente» a pretensión do Concello do Carballiño de que se cubra o servizo de noite por parte doutros corpos de seguridade «e moito menos de un servizo de Protección Civil que non está para a realización destas funcións».

Dende a CIG xa se puxeron en contacto co novo Goberno municipal socialista «para esixir a creación dunha mesa de negociación onde se regulen as condicións de traballo do persoal do Concello do Carballiño». Nesa mesa queren tratar, ademais, un regulamento da Policía Local, así como a elaboración dunha cadro de postos de segunda actividade e a convocatoria dunha oferta de emprego público para cubrir as prazas vacantes na Policía Local.