Os dous próximos, de costura e bordados a man.

 

O mundo da moda é un dos campos nos que a Fundación Ramón González Ferreiro de Allariz oferta formación. As dúas novas propostas do seu calendario formativo son un curso de bordados a man e outro de costura centrado en “arranxos e transformacións”.

O taller de bordados oferta cinco horas de clase semanais (nas tardes dos martes e xoves) durante dous meses, ao prezo de 35 euros ao mes, nas que se ensinará ao alumnado a realización de bordados a man, con diferentes puntadas. Non é necesario ter experiencia previa.

Canto á formación de costura, impartiranse tres horas semanais de clase (os luns á tarde) desde mediados de outubro a mediados de decembro. Ensinarase a subir baixos ou mangas, coser botóns, a facer zurcidos, a estreitar prendas, a transformar pezas de fogar e de vestir e a realizar adornos. Custará 60 euros. Tampouco é necesario ter experiencia, pero os alumnos deberán achegar un costureiro básico, e poderán levar as súas prendas para arranxar se se adaptan á programación do curso.

As inscricións realízanse no 988 436 182 ou en info@fundacionrgf.org ou na súa sede en Paciños, Allariz.