A Granxa de Armariz, do ente provincial, conta con especies de porco celta, ovella galega e cabra galega.
O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, visitou este mércores xunto coa directora Xeral de Producción Agropecuaria, Patricia Ulloa; e o Subdirector de Gandería, Jorge Mourelo, as instalacións gandeiras da “Granxa de Armariz”, no Concello de Nogueira de Ramuín, que son propiedade do ente provincial. O encargado de guiar a visita foi o veterinario do Inorde, Bernardino Domínguez.
Deputación e Xunta teñen un convenio de colaboración para “manter rabaños fundacionais de distintas especies autóctonas galegas, de distintas orientacións produtivas, tanto de porco celta, de ovella galega e cabra galega. No futuro estase pensando en introducir galiña de mos”, asegurou Patricia Ulloa.
Trátase dun traballo en conxunto no que a Consellería se ocupa de cuestións de asesoramento, información e de marcar as pautas,e o Inorde encárgase de realizar o traballo de campo e de informar á Consellería acerca dos resultados conseguidos.
As obras que se están a levar a cabo dentro do proxecto da Granxa Escola en Armariz, acaban de rematar a primeira fase de execución que consistiu na construción dunha nave para as nais de porco celta e unha nave para o gando ovino e caprino. Na seguinte fase que se prevé que finalice a principios do vindeiro ano, ocupará os traballos de derribo das naves antigas, a instalación de auga e luz, e os peches perimetrais das granxas construídas.
As instalacións gandeiras contan cunha superficie de 10 hectáreas conta con máis de 250 de cabezas de gando entre ovino e caprino e ao redor de 80 cabezas de gando porcino.