Ignacio Gómez

Ignacio Gómez denuncia que o presidente da Deputación «bota fóra da nosa provincia máis tempo ca na propia institución».

O grupo provincial do PSOE vén de cuestionar as viaxes do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, fóra da provincia. Logo de coñecer que o presidente do ente provincial vai participar nun seminario sobre gobernanza metropolitana en Brasil, da súa visita a Madrid para participar no «South Summit” 2015 e tralo seu paso en Castellón na que anunciou a entrada do goberno provincial no Consello Político de Partenalia, os socialistas pregúntanse «cando ten tempo o sr. Baltar para atender os problemas da provincia entre tanta viaxe»

Con respecto á súa presenza no cumio madrileño, dende o PSOE aconséllanlle a Manuel Baltar «que non perda a viaxe en van e de paso que vai á capital do Estado, que teña a ben falar co sr. Rajoy para defender os intereses de Ourense, cousa na que non está a amosar moita contundencia, se temos en conta que de 624 millóns de euros de inversión directa para Galicia, só 19,5 millóns van parar a Ourense, sendo, con moito, a provincia peor parada».

Segundo o voceiro socialista, Ignacio Gómez: “o sr. Baltar, bota fóra da nosa provincia máis tempo ca na propia institución, non sabemos nin somos coñecedores do que realmente fai por Ourense cando non está fóra vendendo a imaxe do seu goberno. Ao final vai explicar fóra o que non é capaz de explicar nin aos seus propios compañeiros de partido e era tanto mellor que lle explicara ao señor Feijóo cales son os verdadeiros problemas desta provincia”.

Tal e como denuncian os socialistas ourensáns, «a nosa provincia é a grande esquecida para o goberno Partido Popular na Xunta de Galicia e sobrada mostra dá o feito de que non tivera en conta a ninguén de Ourense para subsanar a súa crise de goberno nesta última remodelación». Mentres tanto, o presidente da Deputación dedícase «ás súas viaxes e xiras promocionais sen atender ao que verdadeiramente importa, que non é outra cousa que defender e promover o desenvolvemento da nosa provincia que sofre dun agravio comparativo histórico».