Celebrarase o 15 de novembro con percorridos para adultos (10km), escolares (4,7km) e menores de 8 anos (1,4 km).
O domingo 15 de novembro celebrarase a 39ª edición da carreira pedestre popular da San Martiño. Convertida xa nunha cita deportiva de referencia a nivel nacional -está homologada pola Federación Española de Atletismo- e internacional, a carreira de 10 km polas rúas da cidade é tamén dun evento social de primeira orde en Ourense. A proba, en palabras de Mario Guede, concelleiro de Deportes, “é o peche do ciclo de todos os Correndo por Ourense, que rematan o 25 deste mes cun circuíto na Carballeira”. Logo dos “máis de 10.000 inscritos da edición anterior, 2.215 deles con ADN ourensán”, como apuntaba o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, para 2015 agárdase aumentar a participación, segundo as previsións de Marta Míguez, coordinadora do Consello Municipal de Deportes.
A carreira terá tres categorías: cativos (menores de 8 anos), que percorrerán unha distancia de 1.400 metros; escolares (9-16 anos), para os que a organización deseñou un circuíto de 4.700 metros; e adultos (a partir de 17 anos), cunha distancia por diante de 10.000 metros. A saída producirase desde a ponte do Milenio, de forma escalonada para non se molestar, e na categoría de adultos haberá códigos de cores coas diferentes marcas persoais. Uns globos de helio axudarán a ir controlando o tempo durante o percorrido. A meta estará situada no pavillón dos Remedios.
Para anotarse na carreira haberá que inscribirse na web deportesourense.com até o 31 de outubro (cun prezo de 3 euros), ou do 1 ao 8 de novembro (cun prezo de 5 euros). Logo destas datas, o Consello Municipal de Deportes irá entregándolles os chips aos participantes xunto ao dorsal e camiseta conmemorativa. “Baixo ningún concepto se entregarán os chips o mesmo día da carreira”, sinalaba Marta Míguez, “para evitar aglomeracións de última hora que non poidamos controlar”.
Haberá trofeos e premios económicos para os tres primeiros atletas de cada categoría, incluíndo un exclusivo para cidadáns de Ourense, e premios en material escolar para os colexios mellor clasificados. Igualmente, haberá un premio de 500 euros para quen bata o récord da San Martiño (establecido desde 2010 en 28:49 minutos en categoría masculina e 32:45 minutos en feminina), e tamén para os máis rápidos nos 5 km.
Feira do corredor, Carreira solidaria e Voluntariado
Como novidade desta edición, ao redor da San Martiño organizarase unha Feira do corredor, pensada para que os participantes teñan á súa disposición información práctica sobre aspectos da saúde, organizativos e mesmo tecnolóxicos mentres recollen os seus dorsais. Ademais, o día da carreira recolleranse alimentos que entreguen os cidadáns de forma solidaria, e que serán doados posteriormente ao Banco de Alimentos. O ano pasado alcanzouse a cifra de 2.500 quilos.
No eido organizativo, a San Martiño volverá contar coa colaboración da Policía Local, repartida ao longo de todo o percorrido, e da Concellería de Voluntariado, que porá a disposición da organización todos os voluntarios que se anoten antes do día da carreira tanto no pavillón dos Remedios coma na propia Concellería, na praza de San Martiño 2-baixo.
A presentación da carreira contou coa presenza de todos os patrocinadores, a quen o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quixo agradecer especialmente a súa implicación no proxecto, “porque sen a súa achega non poderíamos estar presentando a carreira do San Martiño”.