A concelleira Belén Iglesias e a coordinadora das bibliotecas municipais, Isabel María Rodríguez, presentaron a programación do cuarto trimestre deste ano das bibliotecas de San Francisco, A Carballeira, A Ponte e O Couto.

A concelleira de Educación, Belén Iglesias, e a coordinadora das bibliotecas municipais, Isabel María Rodríguez, presentaron a programación do cuarto trimestre de 2015 para as bibliotecas dos barrios de San Francisco, A Carballeira, A Ponte e o Punto de Animación á Lectura do Couto.

A través do Programa de Animación á Lectura, dirixido principalmente a cativos de entre 4 e 10 anos, preténdese que os nenos lean por medio dunha ferramenta importante nestas idades temperás como é o xogo e a creatividade a través dos diferentes obradoiros.

O programa de animación é diario, de luns a venres de 18 a 19:30 e os sábados de 11 a 13 horas. E nos períodos de vacacións, como é o Nadal, de 11 a 13 horas, para que os nenos dos diferentes barrios da cidade poidan gozar dunhas vacacións lúdicas e entretidas, axudando aos pais á conciliación de vida laboral e familiar.

O prazo de inscrición para as familias interesadas xa está aberto nas bibliotecas.