O partido de Jácome esixirá na Deputación unha rebaixa das tarifas. Pola súa banda, os socialistas piden que sexa de control público.

Os voceiros dos distintos partidos que componen a corporación da Deputación Provincial de Ourense reuníronse este xoves para coñecer o cambio de tarifas do parking do CHUO. Segundo Democracia Orensana previamente indicáraselles que se trataba dunha “comunicación da empresa en relación a novos prezos á baixa”, pero finalmente só os informou de tres novos bonos e do mantemento dos prezos fraccionados por minuto e día.

Dende DO “cremos que eses bonos son unha simple cortina de fume, xa que o gran montante de ingresos e de costes para os cidadáns mantense intacto”; lembrando que a concesión ten un prezo de 140 euros/día que o partido de Jácome considera “irrisorios”.

Como consecuencia, DO presentará unha moción na procura de mellorar os prezos, xa que esta, segundo eles, a empresa aprovéitase de terreo público e de circunstancias de máxima necesidade. Así mesmo, denunciarán as “condicións precarias da licenza, xa que non está ao día despois da última reforma”, alertan.

O PSOE pide rescatar a concesión
Pola súa banda, dende o PSOE, tras esta reunión de voceiros, manifestaron que consideran que “o primordial é rescatar a concesión e realizar un estudo pormenorizado do servizo que asegure a titularidade pública, sobre todo, tendo en conta que está emprazado en terreos públicos”, explican.

Para os socialistas, as tarifas actuais están a causar “auténtica sangría dos usuarios, xustamente, cando están a pasar, en moitos casos, por momentos delicados de saúde ou dos seus familiares”, recalcan. Por iso, consideran imprescindible que “un servizo tan necesario sexa de control público”.