Os responsables do complexo hospitalario afirman que manterán o acordo asinado este xoves «pese á falta de compromiso por parte das centrais sindicais».

A Dirección do complexo hospitalario ourensán fixo público este venres á mañá un comunicado en resposta ás «diferentes e ambiguas versións ofrecidas onte aos medios de comunicación, por parte das centrais sindicais CESM-OMEGA sobre o resultado das negociacións do Comité de Folga para alcanzar un acordo de desconvocatoria da mesma».

No comunicado a Dirección do CHUO afirma que chegou a un acordo co Comité de Folga «sobre todos os puntos plantexados na convocatoria», e así quedou ratificado na Acta de Negociación asinada por ambas partes. As reunións entre ambas partes tiñan por obxecto negociar a táboa reivindicativa plantexada polos profesionais médicos, coa finalidade de desconvocar a folga prevista para o martes 13 de outubro. Así, a Xerencia comprometeuse a ofertar todas as interinidades e comisións de servizo pendentes de cubrir; e a reorganizar as gardas médicas con tres facultativos no hospital Cristal e un no Santa María Nai (os sindicatos médicos pedían dous neste último centro). Tamén se comprometeu a ter dispoñible un quirófano para actividade urxente (non programada); e vai implementar as gardas en radioloxía intervencionista para xaneiro de 2016. Os profesionais médicos tamén solicitaban a dotación de equipos e instrumental na área de Críticos e demais servizo, ao que a Dirección respostou que xa estaba feita a compra deste materiaal.

Na Acta de Negociación, o Comité de Folga fixo constar a súa «valoración positiva sobre o resultado da negociación, e indican que trasladarán o resultado desta á asamblea”, non citándose en ningún punto da acta o grao de representatividade, número ou vinculación dos profesionais que integraron a reunión.

Os responsables sanitarios deixan claro que «pola súa parte sí darán cumprimento a súa palabra, e manterán o acordo».