Situada no complexo hospitalario ourensán, estivo inactiva os últimos dous anos.

 

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Sanidade, vén de reactivar a actividade que se desenvolve na Unidade de Día de Drogodependencias, dependente da Unidade de Condutas Adictiva (UCA). Esta dependencia municipal, situada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, estivo inactiva durante os últimos dous anos. Deste xeito, o Goberno municipal acata o seu compromiso electoral de optimizar o funcionamento dos servizos municipais existentes, co obxectivo de prestar a mellor atencións aos cidadáns cos recursos propios.

Esta reactivación vén da man de diversas actividades semi residenciais nesta unidade de día, tales como Educación Compensatoria, Escola de Saúde, Escola de Idiomas, Actividade Manual de Limpeza, Actividades Deportivas, Terapia de Grupo, Iniciación á Informática, Lectura de Prensa, Actividades Exteriores Guiadas e Vídeo Forum.

Estas actividades complementaranse, a comezos do ano 2016, cun programa de intervenciónque acaba ser concedido ao Concello de Ourense a través da Subdirección General de Penas y Medidas Alternativas -pertencente á Secretaría General de Instituciones Penitenciarias-. Esta acción está englobada dentro do Plan Nacional de Drogas 2013/2016 e ten como eixo fundamental a realización dun programa de intervención dirixido a penados que son condenados a traballos en beneficio da comunidade e presentan problemas de abuso de susbstancias.

O programa ofrece aos xuices a posibilidade de conmutar a pena a cambio da participación do penado no devandito programa, que consiste nunha intervención grupal na que se abordan os seguintes temas: mellorar o coñecemento dos participantes sobre as substancias tóxicas psicoactivas e as consecuencias do seu uso, motivar aos participantes para que resolvan a súa ambivalencia con respecto ao consumo de substancias, aprender a manexar as emocións e coñecer os recursos asistenciais e sociais da cidade.

Investigación

No ámbito da investigación científica, a UCA do Concello de Ourense tamén participará nun proxecto de xenética no que se pretende determinar a utilidade da información xenética actual como factor predictivo adicional na risco á dependencia do alcohol. Así, se creará unha colección de 300 mostras indenpendentes de alcohol e 300 controis, con datos de historia familiar, acontecementos traumáticos na infancia e rasgos da personalidade.

A hipótese do proxecto baséase en identificar os factores que contribúen á predicción de risco a trastornos por consumo de alcohol, co fin de dar un paso importante de cara á prevención selectiva destinadas a aqueles individuos máis vulnerables, tendo en conta que unha parte considerable do risco xenético a sufrir alcoholismo débese a variantes comúns distribuidas ao longo do xenoma.

En definitiva, este proxecto científico de xenética para determinar a influencia dos xens na dependencia alcohólica é un proxecto multicéntrico no que participan investigadores clínicos de Oviedo, Santiago de Compostela e Oviedo.