O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, percorreron a Casa reitoral de Santo André de Camporredondo, que albergará este centro expositivo.
A Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense reforzan o seu compromiso co Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia, un proxecto que ten como finalidade principal recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola de Galicia tanto para o coñecemento da cidadanía en xeral como para o aproveitamento e consulta dos investigadores e estudosos do universo vitivinícola en particular.
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e mailo presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, afondaron na colaboración institucional sobre este tema, nunha visita que realizaron á Casa Reitoral de Santo André de Camporredondo, que albergará a sede museística.
Este inmoble que destaca pola súa relevancia e interese arquitectónico e histórico, e que forma parte do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia. Non en van no pasado foi un priorado e adega dependente do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario, ao que subministraba os caldos do Ribeiro. Para tal fin está previsto asinar proximamente un convenio de colaboración entre as tres partes implicadas, que son a Xunta, a Deputación e a Diocese de Ourense.
Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación leva investidos preto de 1,35 millóns de euros na restauración e acondicionamento deste edificio como paso previo para acoller o centro expositivo. As obras realizadas centráronse principalmente na recuperación do edificio, con actuacións específicas nos teitos e nas paredes, no acceso ao mesmo, tratamento de humidades, reparación das carpinterías de madeira exteriores, instalacións eléctricas, climatización e elementos contra incendios, entre outros.