Dende o pasado sábado 10 de outubro, 18 novos talentos das artes plásticas expoñen as súas obras na escola-taller «O cabalo fosforito».
Talento e creatividade uníronse dende que comezou o certame «Tinta Xove», no que un total de 18 artistas emerxentes dos campos da ilustración e o deseño gráfico trasladaron as súas obras ao papel por medio da serigrafía artesanal nun obradoiro que se impartiu na escola de arte O cabalo fosforito.
Trátase dunha mistura de estilos e influencias que nos ofrecen unha perspectiva nova e fresca sobre o estado de saúde da arte na nosa comunidade. O público pode contemplar até o 14 de novembro as obras resultantes deste primeiro certame «Tinta Xove» nas instalacións de O cabalo fosforito, na avenida de Marín, 37.
Os organizadores, un grupo de mozos con inquietudes artísticas autodenominados «xinetes fosforitos», pretenden así dar visibilidade aos artistas que están comezando o seu camiño, e orientalos na autoedición da súa obra.