Segundo a xerencia o paro foi seguido por un 18,6% dos profesionais médicos, segundo o sindicato CESM Galicia, o seguimento foi masivo.

Xerencia e profesionais médicos discrepan sobre o éxito da folga convocada polos sindicatos CESM-OMEGA no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) este martes 13 de outubro. O «masivo» seguimento para os sindicatos médicos, que afirman que a folga foi secundada por entre un 80 e 85% dos profesionais,  quedou en «reducido» para a Xerencia, que cifra nun 18,6% os profesionais que secundaron o paro (87 sobre o total de 467 traballadores convocados). A xornada transcorreu sen incidencias e con pleno cumprimento dos servizos mínimos, que permitiron garantir a asistencia urxente e de pacientes ingresados.

Con todo, a Dirección do CHUO lamenta a incidencia deste paro sobre os pacientes, xa que a folga provocou a anulación de 16 intervencións cirúrxicas das 63 programadas para este martes. Asemade, suspendeuse o 35% das consultas e o 39% das probas radiolóxicas programadas. Neste intre, xa están reprogramadas as intervencións cirúrxicas suspendidas e en días vindeiros procederase a dar, no menor espazo de tempo posible, nova cita para as consultas e probas.

Amais, a Dirección do CHUO enviou unha mensaxe aos sindicatos convocantes «para que reconsideren a súa postura, evitando que unha reivindicación laboral, sobre a que xa se chegou a un acordo de consenso, asinado con anterioridade á folga, continúe a afectar aos pacientes e se reitera que se respectarán os acordos asinados co Comité de Folga sobre tódolos puntos reivindicativos».

Os socialistas levarán ao Parlamento as reclamacións dos médicos 

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista no, Carmen Acuña, anunciou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que trasladará ao Parlamento as reclamacións dos médicos do Hospital de Ourense. A socialista quere que o PP se comprometa na Cámara autonómica coas reclamacións dos médicos de Ourense a través dunha iniciativa socialista que recolle exactamente as reivindicacións destes profesionais.

Neste sentido, reclama a cobertura de todas as vacantes de facultativos con contratos estables e mobilidade voluntaria intercentros, a reorganización das gardas da área médica ou dispoñibilidade as 24 horas de dous quirófanos de Urxencia no Edificio Quirúrxico coa súa correspondente dotación.

Tamén demanda a recuperación do número de médicos presentes nas quendas de Urxencias e a programación anual das quendas, así como o establecemento de gardas de Radioloxía Intervencionista e a dotación suficiente de equipos e instrumental na Área de Críticos e demais servizos.

Os socialistas levan ao Parlamento a reclamación da posta en marcha da Sala de Hemodinámica as 24 horas do día, así como “aulas de docencia adecuadas e suficientes para un Hospital Universitario”.