Coincidindo coa celebración o luns 19 de outubro do Día Munidal do Cancro de Mama.

 

Por terceiro ano consecutivo, o Centro Comercial Aberto Ourense Centro colabora coa Asociación Española contra o Cancro de Ourense para pór en marcha a iniciativa solidaria “O reflexo do noso apoio”. O presidente do CCA Ourense Centro, Luis Rivera, xunto á presidenta e á vicepresidenta da AECC Ourense, Dora Gómez e Loli Ruido, deron a coñecer as novidades da campaña deste ano, que se iniciará o luns 19 de outubro coincidindo co Día Mundial do Cancro de Mama. Ese día poranse á venda 2.800 gafas “solidarias” nos preto de 200 establecementos asociados ao CCA, así como na sede da AECC Ourense.

Ao prezo de cinco euros cada unha, o que se recade con esta venda será destinado a financiar os programas de apoio ás pacientes cos cancro de mama e ás súas familias que desenvolve a asociación. Cada ano entre 200 e 300 mulleres fan uso dos programas de apoio psicolóxico que a entidade oferta en Ourense.

A novidade deste ano é a edición de 1.000 bolsas co lema “estou chea de apoio” que tamén se venderán, ao prezo de tres euros a unidade. As gafas “solidarias”, polo demais, son semellantes ás de edicións anteriores: deseñadas especificamente para a AECC, en cor rosa, están elaboradas con ecosilicona, un material que as fai moi flexibles e resistentes.

Os promotores da campaña agardan superar as cifras de venda do ano pasado (ao redor de 2.000 gafas).

“Establecemento amigo da lactancia”
O presidente do CCA Ourense Centro aproveitou esta presentación para dar a coñecer o distintivo “establecemento amigo da lactancia” que se repartirá entre os establecementos asociados interesados. Trátase dunha campaña posta en marcha co patrocinio da Concellería de Sanidade de Ourense.