No proxecto de Manzaneda investíronse 170.00 euros.
Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, con sede en Manzaneda, pon en marcha un Centro de conservación e transformación da castaña coincidindo co inicio do castañal. O proxecto supuxo unha inversión total de 170.000 euros, dos que 80.000 foron para a compra da nave, 39.500 para a merca de maquinaria e o restante para as reformas necesarias da instalación, proxecto e licenzas. O 40% finaciouse a través de fondos europeos do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Sil-Bibei-Navea.
A apertura deste centro supón un paso fundamental da cooperativa na súa aposta pola revalorización das castañas. Deste xeito comezará coa súa transformación a través do secado dos froitos. Trátase dun proceso do que se require dunha maquinaria especial instalada xa na nave (calibradora, secadeiro, moega receptora, peladora…). Esta actividade complementarase coa recollida e merca de castañas en fresco baixo o selo de Castaña de Galicia. Nun futuro próximo Amarelante SCG quere ampliar a transformación do seu producto producindo, por exemplo, fariña de castaña.
Amarelante é unha cooperativa creada en marzo de 2013 para a recuperación de soutos abandonados. Actualmente conta con 10 socios que xestionan 7 hectáreas de terreo. O modelo de xestión é o aluger/cesión de soutos da zona, aos que se lles realizan os traballos de mantemento necesarios para unha maior produción. Por iso é unha iniciativa real e demostrada para a prevención de incendios forestais.
Amarelante Sociedade Cooperativa Galega recibiu este ano o Premio á Promoción do Cooperativismo convocado pola Consellería de Traballo dentro dos Premios á Cooperación.