Para concienciar da súa importancia un equipo médico do Servizo de Medicina Intensiva ofrecerá esta venres 16 de outubro obradoiros de formación abertos ao público.

A Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense apoiará o Día Europeo de Concienciación sobre o Paro Cardíaco coa celebración, este venres día 16, de obradoiros abertos ao público de Resucitación Cardio-Pulmonar básica, organizados polo Servizo de Medicina Intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que se desenvolverán pola mañá no CHUO e á tarde no Centro Comercial Ponte Vella.

Baixo o lema “As túas mans poden salvar máis vidas” conmemorase o Día Europeo de Concienciación do Paro Cardíaco, que ten por obxectivo lembrar a importancia de coñecer as técnicas básicas de Reanimación Cardiopulmonar, por parte do conxunto da poboación, xa que o emprego precoz destas manobras poden elevar nun 40% as taxas de supervivencia tras unha parada cardíaca.

A xornada de concienciación, impulsada polo Consello Español de Resucitación Cardiopulmonar (CERCP), xunto con outros organismos e institucións, pretende chamar a atención sobre a necesidade de recoñecer os síntomas, e atender canto antes a unha vítima dun Paro Cardíaco, mentalizando da importancia desta formación, xa que o 80% destes prodúcense fóra do domicilio.

Está demostrado que si se realizan unha serie de accións encadeadas, chamadas “Cadea de Supervivenza”, que polo seu fácil aprendizaxe poderían ser realizadas pola maioría das persoas, poderíase aumentar a supervivencia. Pese a elo, estas manobras tan só se realizan en 1 de cada 5 casos, de aquí a relevancia de concienciar sobre esta formación.

Cadea de Supervivencia
O primeiro elo da Cadea de Supervivencia é saber recoñecer unha parada cardíaca e avisar ao 061. Así, ante unha persoa que cae redonda ou se esvaece, débese comprobar canto antes se respira e responde a estímulos, para si non o fai, chamar inmediatamente ao 061 para que mobilice a un equipo sanitario.

O segundo é iniciar a masaxe cardíaca: Entrecrúzanse as mans e se sitúan no centro do peito ou esternón do paciente; a continuación, cos brazos estendidos, en ángulo recto respecto ao corpo da vítima, empézase a comprimir o tórax cara abaixo, uns 4 ou 5 centímetros e cunha frecuencia de ao redor de 100 veces por minuto, mantendo as compresións de xeito regular e sen interrupcións, ata que chegue a axuda especializada, ou a vítima recupere a conciencia. É importante saber que calquera pode aprender a facelo tras un sinxelo adestramento, e que unha masaxe cardíaca correcta pode salvar vidas, sendo moi improbable que resulte perxudicial.

O terceiro aro da cadea é a desfibrilación precoz cando estea indicada, que consiste en empregar un desfibrilador para administrar ao corazón unha descarga eléctrica controlada, que reinicia a actividade cardíaca.

Por último, o cuarto elo fai referencia ás técnicas de reanimación avanzada, que lle serán practicadas polo persoal sanitario á súa chegada, e posteriormente no hospital. Estas tamén son importantes pero serán inútiles si, antes da chegada dos profesionais, non se realizan as compresións torácicas para conseguir que siga chegando sangue tanto ao corazón como ao cerebro.