Ethel Vázquez visita os Peares

Esta actuación, cun investimento de 2,7 millóns de euros, permitirá a conexión entre ambas as beiras do río Miño, mellorará o acceso á N-120 e facilitará os desprazamentos a pé.

 

A Xunta iniciará en novembro a construción da nova ponte sobre o río Miño, nos Peares. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, presentou este proxecto que mellorará a mobilidade dos veciños desta zona, evitándolles un percorrido de case 7 km por estradas deficientes.

A conselleira explicou que esta actuación, cun investimento de 2,78 millóns de euros, permitirá a conexión entre ambas as beiras do río e facilitará o acceso á estrada N-120. Concretou que con estas actuacións tamén se promoverán os desprazamentos a pé, a través dunha senda peonil que discorrerá entre a vía nacional ata o núcleo dos Peares.

Vázquez destacou a especial consideración coa contorna desta infraestrutura, coidando especialmente a integración na valiosa paisaxe na que se vai construír e tendo en conta, ademais, que hoxe mesmo se está a celebrar aquí na Peroxa o levantamento das actas previas á ocupación dos terreos afectados.

Obras complementarias
A responsable autonómica de Infraestruturas, na presentación do proxecto da obra principal, subliñou o comezo tamén este xoves da primeira das catro obras de mellora da seguridade viaria comprometidas, que suman un orzamento de 60.000 euros.

Así, concretou que hoxe dan comezo as obras de construción dun aparcadoiro e dun miradoiro na zona do centro de saúde do concello da Peroxa.

O convenio asinado o pasado agosto entre a Xunta e os catro concellos que integran o consorcio dos Peares (Ferreira de Pantón, Carballedo, Nogueira de Ramuín e A Peroxa) recolle tamén unha serie de actuacións para mellorar o ciclo da auga. Ethel Vázquez destacou que estes traballos xa están rematados e que supuxeron un investimento de 166.000 euros.