A contía da achega é de 15.000 euros. As entradas para as películas do Festival venderanse online a través da plataforma da entidade bancaria.
Concello de Ourense e Abanca amplían un ano máis a súa colaboración en apoio ao Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e Rubén Saavedra, director territorial de Abanca en Ourense, asinaron no salón de plenos un convenio de colaboración de 15.000 euros que permitirá incrementar o número de actividades que se desenvolverán dentro da programación da vixésima edición do OUFF.
A entidade bancaria mantén “a súa decidida aposta pola cultura no ámbito cinematográfico dentro do evento cultural máis importante da cidade e que cada ano congrega a milleiros de persoas”, en palabras de Rubén Saavedra. O representante de Abanca quixo amosar a importancia do evento coma unha actividade económica que xera riqueza na cidade, e amosou o seu apoio incondicional “de forma que poidamos celebrar outras vinte edicións máis”, dixo.
Pola súa banda, o rexedor agradeceu a implicación da entidade co Festival de Cine (14-22 de novembro) e salientou “as novas perspectivas que se lle abren aos ourensáns” co apoio económico de Abanca, e lembrou as cifras que xa menexa o XX Ouff: 404 películas presentadas de 60 países -un 59% máis ca o ano pasado-, das que 347 son longametraxes, ademais de 126 proxectos presentados no Ouff-Escola coa participación de 2.320 rapaces.
O OUFF porá a disposición do público todas as entradas do certame online a través do servizo entradas.abanca.com, ademais de fisicamente nas propias billeteiras.