Formación de cargos electos

Impartida polo catedrático da Universidade Pompeu Fabra , Rafael Jiménez Asensio.

 

Este venres tivo lugar unha xornada de formación para cargos electos da provincia, organizada pola Deputación de Ourense, na que se abordou o tema “Vademécum de política municipal. Como gobernar un concello”. Rafael Jiménez Asensio, consultor especialista en administracións públicas e catedrático da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, foi o encargado de impartir a formación. O acto contou tamén coa participación do xefe de sección de Formación da Deputación de Ourense, Carlos Castiñeiras.

Jiménez Asensio Avogou pola necesidade de cambiar e facer “unha política participativa, transparente, eficiente e aberta, como demandan os cidadáns”, mentres que o presidente da Deputación, Manuel Baltar, presente na inauguración da xornada, destacou que o tema do relatorio “é de grande importancia para os rexedores locais porque lles permite dispoñer de formación actualizada e plantexar preguntas e cuestións a expertos nesta materia, coa finalidade de que os gobernantes poidan prestar un mellor servizo público e realizar unha mellor xestión a prol dos cidadáns”.

Baltar subliñou que nos orzamentos da institución provincial para 2016 “fixamos unha partida presupostaria denominada “Formación de cargos públicos electos locais”, e lembrou que o profesor Jiménez Asensio, “xa presentara na Deputación de Ourense o “Libro verde dos gobernos locais intermedios”, e hoxe presenta o seu traballo “Como gobernar un concello”, na liña na que está a traballar o goberno provincial, que neste cuadrienio 2015-2019 fai unha firme aposta pola política, que se traduce en máis dotación económica e de persoal para os grupos políticos para que todos poidamos facer plantexamentos en clave provincial e sempre en positivo, e unha cuestión fundamental é a formación”.

No seu relatorio, Jiménez Asensio explicou que nuns momentos duros para a política, con moita desafección cidadá, “actos como o de hoxe, de política institucional, son de agradecer, neste caso á Deputación de Ourense e ao seu presidente, porque se trata de facer política con maiúsculas e non con minúsculas, como tiven ocasión de comprobar hoxe nunha noticia referida a esta xornada». Referíase ao anuncio feito polo PSOE provincial de que non acudirían a esta cita por considerala «unha nova escenificación publicitaria de Manuel Baltar».

«Eu teño presentado este relatorio por todo o Estado e nunca xurdiu ningún problema”, e citou como exemplo que hai dous días presentouno en Durango diante rexedores vascos de todas as cores políticas “e alí había alcaldes do PNV, de Bildu, do PP e do PSOE e non houbo ningún problema porque non se trata de falar de política no sentido ideolóxico senón institucional, poñendo en valor a importancia que teñen as institucións para o desenvolvemento da boa política, falando en positivo, co obxectivo de gañar a confianza dos cidadáns nun momento difícil para a política”.