As iniciativas conxugan a educación e o contacto coa contorna natural da cidade, así como a posta en valor dos espazos naturais municipais.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, presentou no Parque Botánico de Montealegre as actividades programadas pola Concellería de Medio Ambiente para este outono, dirixidas tanto a nenos como a adultos. Na presentación estiveron presentes José Manuel Corbal, coordinador do parque; e José Méndez, xerente da empresa Bruma, que realiza estas actividades.
A programación está composta por obradoiros cos que se pretende fomentar o Parque de Montealegre como un dos espazo de lecer de referencia para todos os ourensáns. De feito, o alcalde abundou en que estas actividades pretenden conxugar a educación e o contacto coa contorna natural que nos rodea. “En definitiva, con estas actividades pretendemos concienciar sobre a importancia do Medio Ambiente e dos nosos recursos naturais, poñendo en valor un enclave municipal que é unha referencia para todos os ourensáns”, sinalou Jesús Vázquez.
Actividades infantís
Os máis pequenos terán actividades relacionadas co Día do Samaín o sábado 24 de outubro de 17:00 a 19:00 e o domingo 25 de outubro de 11:30 a 13:30; sesións de ioga en familia o 8 de novembro e o 13 de decembro de 11:30 a 13:30; e elaboración de calendarios de advento. o 22 de novembro de 11:30 a 13:30. Tamén haberá contacontos, «as árbores do xardín contan historias sen fín» o 6 de decembro de 11:30 a 13:30; e elaboración de adornos de Nadal o 20 de decembro de 11:30 a 13:30.
Actividades para adultos
Para adultos o Montealegre programou unha actividade sobre plantas aromáticas e oleatos os días 6 e 7 de novembro de 16:00 a 18:00; un curso de introdución á xardinería, os días 20 e 21 de novembro de 16:00 a 18:00, con parte teórica e práctica. Tamén haberá un cursiño de elaboracion de marmeladas, conservas e licores os días 4 e 5 de decembro de 16:00 a 18:00, outro de agricultura ecolóxica os días 11 e 12 de decembro de 16:00 a 18:00, e outro de cosmética natural o 18 de decembro de 16:00 a 18:00. A actividade de elaboración de velas o 19 de decembro de 16:00 a 18:00 pechará as propostas desta tempada no xardín botánico.
Todas as actividades son gratuitas e as prazas limitadas por orde de inscrición, que se poden formalizar na web www.botanicodemontealegre.com ou no teléfono da Concellería de Medio Ambiente 988 388 135.