O 20 de outubro comeza a Escola de Sustentabilidade, formación para a acción facendo “Camiño a París”.
Amigos da Terra en colaboración ca Universidade de Vigo propón dúas sesións formativas no marco do cumio mundial do cambio climático (COP 21) que se celebrará en decembro en París.
O eslogan de Amigos da Terra “Pensar globalmente. Actuar localmente” vai ser clave nos próximos meses, dado que en decembro vaise producir un acontecemento transcendental para o devir do cambio climático e por tanto do medio ambiente: o maior cumio mundial contra o cambio climático da década, a Conferencia das Partes da Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático de 2015, coñecida como COP 21 ou París 2015. Trátase dunha data crucial, xa que debe desembocar nun novo acordo internacional sobre o clima aplicable a todos os países.
Aproveitando este acontecemento, Amigos da Terra vai poñer en marcha a Escola de Sustentabilidade, un proxecto europeo impulsado e coordinado por Amigos de la Tierra Europa co apoio da Dirección Xeral de Cooperación Internacional e ao Desenvolvemento da Unión Europea.
A Escola de Sustentabilidade. Formación para a Acción, impartirá dúas sesións en outubro. A primeira será o martes 20, a partir das 18:30 horas na aula B2 da Facultade de Ciencias de Ourense. Durante esta sesión falarase sobre o concepto de activismo e ecoloxismo ambiental e o presidente de Amigos de la Tierra España, Víctor Barro, contará a súa experiencia noutros cumios ou actos reivindicativos. Tamén se traballará nunha choiva de ideas de accións de cara a Marcha polo Clima que terá lugar o día 29 de novembro, horas antes de que os líderes mundiais cheguen a París para asistir ao cumio climático.
A segunda sesión, » ReparAcción. Activándonos contra a obsolescencia programada», terá lugar o 27 de outubro, na mesma hora e lugar. Os asistentes coñecerán o que é a obsolescencia programada, a través de exemplos e implicacións sociais e ambientais na depredación dos recursos naturais.
Para poder asistir as charlas será necesario inscribirse no correo electrónico voluntariado.galicia@amigosdaterra.net.
Para darlle difusión a estas actividades Amigos da Terra instalará mesas informativas nos días previos no campus ourensán.
A organización ecoloxista tamén prepara unha viaxe a Paris coincidindo co cumio COP 21, na que poderán participar os asistentes á charlas, aos que se lles subvencionará parte dos gastos, co compromiso de colaboración da persoa a súa volta, que deberá contribuír á divulgación e sensibilización mediante charlas ou outras actividades sobre cambio climático en Galicia.